Lab. Seguridade Alimentaria
O laboratorio de Seguridade Alimentaria do Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (LSA-CETAL) ten como obxectivo principal satisfacer as necesidades derivadas do cumprimento da lexislación europea en materia de inocuidade alimentaria microbiolóxica, identificación do etiquetado e trazabilidade do produto. Con este fin, o laboratorio LSA-CETAL posúe dúas Unidades técnicas que traballan conxuntamente, o Laboratorio de Microbioloxía e o Laboratorio de Bioloxía Molecular.

Laboratorio de Microbioloxía ten como un dos seus obxectivos prioritarios, a tipificación dos patóxenos bacterianos de maior importancia nos alimentos mediante a utilización de métodos moleculares e de microbioloxía clásica. Con este fin, utilízase unha batería de probas analíticas seleccionadas en base ás características especiais desta clase de patóxenos. O Laboratorio de Microbioloxía tamén conta con liñas de traballo en microorganismos de interese para a industria agroalimentaria, como son os probióticos, os cultivos iniciadores e os microorganismos alterantes. Neste contexto, tamén se realizan estudos de vida útil.

Laboratorio de Bioloxía Molecular ofrece soporte metodolóxico para a realización da tipificación microbiana mediante técnicas moleculares innovadoras. Outro dos seus principais obxectivos é a identificación de alimentos para a autentificación do etiquetado para o cal se utilizan técnicas xenómicas de última xeración. Isto permite tipificar e cuantificar a composición de matrices alimentarias máis complexas, compostas por diversos tipos de alimentos que ademais, poden estar moi modificados debido aos procesos de transformación da industria alimentaria. Atendendo tamén ás necesidades de trazabilidade dos diversos tipos de alimentos, é posible utilizar técnicas de rastrexo xenómico para identificar a procedencia dun alimento concreto.

 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO