Actualidade
A Entidade Nacional de Acreditación acredita o LSA CETAL para determinados ensaios en produtos vexetais
mércores, 25 de outubro de 2017
  • A acreditación do Laboratorio de Seguridade Alimentaria do CETAL (LSA-CETAL) súmase ao recente proceso de designación  como Laboratorio Nacional de Referencia en España no ámbito do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola.
  • Esta situación permitiralle ao LSA-CETAL ser designado como Laboratorio de Control Oficial nestas técnicas analíticas.
  • Diferentes comunidades autónomas xa mostraron o seu interese en concretar esta designación.
O Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (CETAL) obtivo a acreditación ENAC n.º 1268/LLE2408 de varias das técnicas que emprega o Laboratorio de Seguridade Alimentaria (LSA-CETAL).

O CETAL, que é unha fundación do sector público de carácter estatal (a única de carácter nacional que ten a súa sede en Galicia, concretamente na cidade de Lugo), ten como principal obxectivo a investigación, o desenvolvemento e a innovación (I+D+i) no sector agroalimentario a través da promoción, o impulso e o apoio do desenvolvemento tecnolóxico do sector e a mellora do coñecemento científico e técnico en materia agroalimentaria.

Unha das áreas de actuación máis relevantes do CETAL é a dirixida a garantir a seguridade alimentaria, para o que se equipou e dotado cun vangardista laboratorio de análise en bioloxía molecular e microbioloxía.

Durante os anos 2014-17 realizáronse monitoreos microbiolóxicos das producións hortícolas en España, analizando mostras de diferentes vexetais (leituga, tomate, cogombro, cebola, pemento,...) e froitas (mazá, amorodos,...), axustando e perfeccionando a análise e investigación de contaminacións específicas en froitas e hortalizas.

O pasado 19 de xuño, o Laboratorio de Seguridade Alimentaria do CETAL foi designado Laboratorio Nacional de Referencia (LNR) no ámbito do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola polo Goberno de España. En concreto, en relación a Salmonella, Listeria monocytogenes e Escherichia coli, incluída a E. coli verotoxigénica (ECVT).

Con esta designación, Lugo converteuse na sede do laboratorio de referencia nas análises e controis oficiais nos que sexa necesario analizar mostras de calquera tipo de produto vexetal, chan ou auga, en materia de hixiene da produción agrícola, en relación con diferentes patógenos alimentarios, como poden ser Salmonella, Listeria e E. coli, para todo o Estado español.Desde Galicia colaborarase cos laboratorios comunitarios de referencia de cada ámbito (Salmonella en Bilthoven, Holanda; Listeria en Maisons-Alfort, Francia, e Escherichia coli en Roma, Italia) e coordinaranse as actividades dos laboratorios de control oficial en España encargados da análise de mostras.
 
Despois de perfeccionar as técnicas analíticas, o pasado mes de setembro o LSA-CETAL obtivo a acreditación pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), demostrando e consolidando a súa competencia técnica, xa que dispón dun sistema de xestión de calidade que lles permite ofrecer resultados analíticos tecnicamente válidos e fiables.

Esta nova situación supoñerá que, ademais de ser LNR, as comunidades autónomas poderán designar ao LSA-CETAL como Laboratorio Oficial de Control para estas análises microbiolóxicos das súas producións vexetais, o que se concretará nas próximas semanas.
Técnicas analíticas para as cales a ENAC acredita ao LSA-CETAL:
  • Análise de froitas, verduras, hortalizas, brotes e sementes mediante métodos baseados en técnicas de illamento no medio de cultivo:
  • Investigación de Salmonella spp., en base á ISO 6579-1:2017.
  • Detección e reconto de Escherichia coli β-glucuronidasa positivo, en base á ISO 16649-2:2001.
 
  • Análise de froitas, verduras, hortalizas, brotes e sementes mediante métodos baseados en técnicas de inmunofluorescencia (ELFA):
  • Investigación de Listeria monocytogenes mediante inmunofluorescencia (ELFA), en base ao procedemento interno CETAL-PNT-E/00.
  • Investigación de Salmonella spp. mediante inmunofluorescencia (ELFA), en base ao procedemento interno CETAL-PNT-E/006.
 
  • Análise de froitas, verduras, hortalizas, brotes, sementes e carne mediante métodos baseados en técnicas de PCR:
  • Investigación de Salmonella por PCR a tempo real, en base ao procedemento interno CETAL-PNT-E/004.
  • Detección de Escherichia coli produtora de toxina shiga (STEC) por PCR a tempo real, en base ao procedemento interno CETAL-PNT-E/006.
 















voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO