Actualidade
A Fundación CETAL celebra o seu primeiro Padroado nas novas instalacións
mércores, 06 de febreiro de 2013

Tras a inauguración, a Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo celebrou, por primeira vez nas novas instalacións, unha reunión ordinaria do seu Padroado presidida polo Ministro Arias Cañete


Tras a inauguración, a Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo celebrou, por primeira vez nas novas instalacións, unha reunión ordinaria do seu Padroado. Na mesma evidenciouse o estado de execución das novas liñas de traballo desenvolvidas desde a actual dirección do CETAL, centradas en promover e impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e en mellorar a competitividade do sector agroalimentario.

O ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente presidiu o encontro, no que participaron o director xeral da Fundación CETAL e representantes das entidades que forman parte do Padroado: Goberno central, Xunta de Galicia, Concello de Lugo, as universidades galegas, asociacións empresariais, produtores agroalimentarios e caixas de aforros.


REFERENTE PARA O SECTOR LÁCTEO

No transcurso da reunión informouse o traballo realizado de face á integración do Centro Tecnolóxico Lácteo (Ctlácteo) dentro do CETAL. Unha fusión que suporá dotar a Galicia dun centro coa capacidade suficiente para dar resposta ás necesidades do sector lácteo.


CETAL-INLAC

Tamén no referente ao mesmo sector, confirmouse a colaboración do CETAL e a interprofesional láctea (INLAC) para a posta en marcha dun ambicioso proxecto de identificación de sistemas de autocontrol nos sectores de vacún, ovino e caprino de leite. Esta colaboración enmárcase dentro do convenio asinado polos dous organismos en xullo de 2012, e que converte ao CETAL no ente prioritario de colaboración con INLAC en todos os proxectos e accións que esta realice.


CONTROL DA CALIDADE DO ACEITE DE OLIVA E SEGURIDADE ALIMENTARIA

Ademais de promover a mellora da competitividade do sector lácteo, no que centra boa parte dos seus esforzos, o novo plan de actuación do CETAL para este ano contempla tamén outros proxectos destacados, como é o caso do dirixido a controlar a calidade do aceite de oliva virxe con técnicas alternativas e innovadoras, non empregadas rutinariamente noutros centros nacionais.

 Dentro deste proxecto posto en marcha no segundo semestre de 2012 están a realizarse análise das primeiras mostras de aceites recibidas. Para o seu desenvolvemento, o centro lucense conta coa colaboración do MAGRAMA, o Laboratorio Arbitral Agroalimentario (LAA), a Universidade Politécnica de Madrid e o Comité Oleico Internacional.

Outra nova liña de traballo incluída no plan de 2013 fai referencia á seguridade alimentaria e, máis concretamente, á creación dun laboratorio de diagnóstico dos principais patógenos bacterianos de transmisión alimentaria (Campylobacter, Salmonella, Listeria e E. coli).

A dirección do CETAL prevé a adecuación do edificio para a creación deste laboratorio, que conta coa colaboración da propia Fundación, o MAGRAMA e a USC. Actualmente estúdanse xa as necesidades específicas para o seu deseño, montaxe e instalación.






voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO