Actualidade
O Padroado do CETAL nomea a Andrés Hermida Trastoy novo Director Xeral da fundación
martes, 11 de abril de 2017


O padroado do CETAL acordou a renovación do Director Xeral da fundación.
Javier López Viana, realizou un repaso das actividades durante os seus cinco anos no cargo.
 
O Director General de Industria Alimentaria do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Fernando Burgaz, presidiu o padroado da fundación CETAL, no que participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Xefa Territorial da Consellería do Medio Rural, Mª Olga Iglesias Fontal e o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Bueno Lema.
 
Nesta reunión, aprobouse a renovación do cargo de Director Xeral da entidade. A proposta da Presidencia do Padroado (Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente) acordouse que o novo Director Xeral sexa D. Andrés Hermida Trastoy. A incorporación efectiva ao seu posto de traballo será o 1 de maio.
 
Andrés Hermida Trastoy é natural de Ourol, (Lugo) é Licenciado en Veterinaria, especialidade Medicamento e Sanidade, pola Universidade Complutense de Madrid e funcionario do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia. Desenvolveu a súa traxectoria profesional ao longo de 23 anos na Xunta de Galicia ocupando diferentes postos nas Consellerías de Agricultura, Gandería e Montes; na de Sanidade; na de Pesca e Asuntos Marítimos; na de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable e na de Traballo e Benestar. Entre outros cargos, foi Director Xeral de Estruturas Pesqueiras e Mercados e Director Xeral de Promoción do Emprego. Na administración xeral do Estado, é nomeado en febreiro de 2012 Director General de Ordenación Pesquera da Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Desde o 26 de xullo de 2014 ocupou o cargo de Secretario General de Pesca do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente ata o 27 de xaneiro deste ano, momento no que retornou á Xunta de Galicia.
 
A renuncia de Javier López Viana, debida exclusivamente a motivos profesionais, prodúcese tras cumprir cinco anos no cargo e desenvolver unha ampla actividade nas liñas de actuación encomendadas ao comezo do seu mandato.
 
Previamente Javier López Viana realizou unha exposición da súa actividade á fronte da fundación en base ás liñas de actuación: sector lácteo, calidade de aceite de oliva, seguridade alimentaria, mellora xenérica e I+D+i, desde o inicio en 2012 ata a situación actual.
 
Tras a súa renuncia, todos os membros do padroado coincidiron en agradecer os seus servizos á fronte da fundación e a posta en valor de todo o traballo realizado.











voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO