Actualidade
O Laboratorio de Seguridade Alimentaria (LSA-Cetal) amplía o seu equipamento coa adquisición dun espectrómetro de masas de ultra-alta resolución.
luns, 27 de febreiro de 2017

A tecnoloxía punteira que representa o UHR-QTOF abre o camiño cara a investigacións innovadoras no campo da seguridade alimentaria.

O CETAL incorporou recentemente ao seu Laboratorio de Seguridade Alimentaria (LSA-CETAL) un sistema Impact II™: un espectrómetro de masas de ultra alta resolución con tecnoloxía de cuadrupolo/tubo de voo (UHR-QTOF).
 
Este equipo incorpora a tecnoloxía máis innovadora, combinando masa exacta, alta resolución, alta velocidade de adquisición e máxima sensibilidade. O seu alto rendemento analítico permite o uso a unha multitude de aplicacións, incluíndo a análise de trazas en matrices complexas como son os alimentos.
 
Dentro da área de Seguridade Alimentaria do CETAL, incluíuse xa en 2015 o uso da espectrometría de masas co sistema Microflex™: un espectrómetro de masas MALDI-TOF que representa unha ferramenta cada vez máis importante para o control rutineiro da seguridade alimentaria.
 
O novo sistema UHR QTOF Impact II™ complementa perfectamente o sistema Microflex™ xa existente no LSA-CETAL, permitindo obter información adicional crucial para a identificación e cuantificación de moléculas dun amplo rango de peso molecular e detectar diferenzas mínimas entre poboacións. A combinación dos dous espectrómetros de masas fai posible que o LSA-CETAL dispoña de excelentes ferramentas no campo da seguridade alimentaria, tanto no control microbiolóxico e de autenticidade, como na detección de residuos e contaminantes.
 
Con esta adquisición amplíanse as posibilidades do LSA-CETAL, engadindo o campo de investigación en proteómica, o cal permitirá o desenvolvemento de novas aplicacións na área da seguridade alimentaria.
 
Entre outras, as primeiras aplicacións están relacionadas coa identificación de microorganismos patóxenos, a detección de contaminantes e a determinación de marcadores biolóxicos para a autenticidade de especies ou variedades en alimentos. Adicionalmente, realizaranse estudos metabolómicos, para buscar diferenzas entre distintas poboacións de mostras e correlacionalas con determinadas características, como poden ser propiedades organolépticas de grupos de alimentos.
 
Ademais, a tecnoloxía punteira que representa o UHR-QTOF abre o camiño cara a investigacións innovadoras que son claves en determinados proxectos presentes e futuros do centro e fundamentais para a oferta de novos servizos ao sector agroalimentario.









voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO