Actualidade
O CETAL participa na II Reunión do Grupo de Traballo do Sector Lácteo de Food for Life - Spain.
martes, 10 de xaneiro de 2017

Nesta intervención o Cetal presentou a investigación, solicitada pola Interprofesional Láctea (INLAC), sobre a metodoloxía para comprobar a composición dos distintos tipos de leite en queixos de mestura.
 
Na reunión do Grupo de Traballo do Sector Lácteo da Plataforma Tecnolóxica Food for Life-Spain (PTF4LS), celebrada na sede da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), a Técnico Especialista en Microbioloxía do LSA-CETAL, Karola Böhme, explicou a metodoloxía e os resultados obtidos do proxecto de investigación denominado “Cuantificación de leite de vaca en queixos de cabra, ovella e mestura mediante análise das caseínas”.
 
O devandito proxecto de investigación foi solicitado pola Interprofesional Láctea (INLAC) ao Cetal, co obxectivo de obter resultados preliminares para deseñar un proxecto amplo no que se desenvolva un método de referencia que permita comprobar a composición exacta dos queixos de mestura, permitindo identificar a porcentaxe de leite de vaca, ovella e/ou cabra, comparando coas proporcións que se reflicten na etiquetaxe.
 
Técnica utilizada.
 
Varias técnicas analíticas foron aplicadas para a diferenciación das especies leiteiras en produtos lácteos, incluíndo métodos inmunolóxicos, electroforéticos, cromatográficos e moleculares baseados no ADN. Coa maioría das metodoloxías descritas conséguese a detección cualitativa doutra especie engadida por fraude.
 
Con todo, a aplicación destas técnicas para unha cuantificación correcta dos contidos de leite das diferentes especies en queixos segue sendo problemática. Isto débese á multitude de factores que inflúen na produción dos queixos, como o rendemento quesero e as variacións individuais das concentracións iniciais nos leites. Para unha cuantificación exacta requírese un estudo amplo, tendo en conta todos estes factores.
 
A proposta inicial do proxecto para clarificar esta situación é o desenvolvemento dun método analítico que permita unha cuantificación das proporcións nos queixos. Para iso baseouse nun método de referencia europeo que permite a detección cualitativa de leite de vaca en queixos de cabra, ovella e mestura mediante a análise de caseínas específicas. Avanzando na metodoloxía e combinándoa con técnicas máis novas e precisas búscase o enfoque cuantitativo. Os resultados darán unha primeira aproximación sobre o potencial da técnica proposta para a cuantificación do leite de vaca en queixos de cabra, ovella e mestura.
 
Entre outras conclusións do proxecto de investigación, determinouse que a cuantificación das caseínas específicas non reflicte as concentracións reais nos queixos, debido a degradacións encimáticas das proteínas que non son controlables.
 
Outro marcador, como o ADN, podería ser máis adecuado para este fin, debido a que é un marcador máis robusto e a análise é máis económica.









voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO