Actualidade
O padroado do CETAL fai balance de 2016 e aproba o Plan de Actuación para 2017
luns, 19 de decembro de 2016

O director xeral do centro, Javier López Viana, informou dos avances na designación do LSA-CETAL como Laboratorio Nacional de Referencia, dos convenios en vigor, do estado de execución do actual Plan de Actuación e dos orzamentos de 2016.
 
O director xeral da Industria Alimentaria do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Fernando Burgaz, presidiu o padroado da Fundación CETAL celebrado no día de hoxe.
 
Durante a reunión, na que participou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o xefe territorial da Consellería do Medio Rural, José Ramón Losada Fernández; e representantes da Universidade de Santiago de Compostela, fíxose balance das accións desenvolvidas en 2016 e déronse a coñecer os proxectos máis significativos do Plan de Actuación para 2017.
 
Entre as accións levadas a cabo por CETAL este ano destacan as actuacións que está a desenvolver para ser designado polo Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama) como Laboratorio Nacional de Referencia nos proxectos do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola, nos que é necesario analizar mostras de calquera tipo de produto vexetal, chan ou auga relacionadas con Salmonella, Listeria monocytogenes e Escherichia coli, incluída a E. coli verotoxigénica (VTEC).
 
Para iso o CETAL completou a adquisición da tecnoloxía de alta precisión e especificidade para a detección e caracterización dos diferentes patóxenos de transmisión alimentaria. Tamén está en trámites de obter a necesaria acreditación por ENAC das técnicas de identificación dos citados axentes patógenos e está a participar en exercicios de intercomparación laboratorial para comparar os seus resultados con outros laboratorios e conseguir o aseguramento da calidade nas súas análises.
 
Paralelamente, o CETAL continúa executando o programa de monitoreo microbiolóxico para froitas e verduras no marco do convenio de colaboración asinado co Mapama. O obxectivo é proporcionar información rigorosa sobre a presenza de patóxenos específicos en froitas e hortalizas frescas a nivel nacional.
Durante os últimos meses realizouse unha nova análise de monitoreo integramente en Galicia.
 
Ademais, dentro do Plan de Actuación previsto para o próximo exercicio, comentáronse diversos proxectos de I+D nos que o CETAL xa está a traballar con distinto grao de avance:
 
  • Cuantificación da porcentaxe de leite de vaca, cabra e ovella en queixos de mestura, proxecto que se atopa nunha segunda fase tras un inicio mediante análise das caseínas. Actualmente se plantea realizar un estudo baseado en técnicas de análises do ADN.
  • Recuperación, cultivo in vitro e posta en produción de mazás autóctonas do noroeste peninsular. O obxectivo xeral deste proxecto é a recuperación de variedades de mazá autóctona en Galicia e o norte de Portugal para frear o proceso de perda de biodiversidade.
  • Identificación molecular das especies de castaña mediante métodos xenómicos e proteómicos consistentes en tentar identificar as distintas especies de castaña: C. sativa; C. crenata, C. mollísima e os seus correspondentes híbridos, tanto en materia prima crúa como en alimento procesado.
  • Detección de bacteria/s produtora/s dunha encima alterante do leite envasado a longo prazo. Trátase dun proxecto cuxo obxectivo é a identificación do posible microorganismo produtor de degradación proteolítica do leite.
  • Identificación de microorganismos bacterianos en mostras cárnicas tratadas térmicamente para a súa conservación.
  • Estudo metaxenómico de microbiota intestinal de vacún leiteiro para estudos de asociación do tipo de alimentación con aparición de patóxenos emerxentes.
  • Estudo ecolóxico e epidemiolóxico molecular de patóxenos bacterianos asociados con granxas leiteiras. Trátase de establecer a correlación entre os patóxenos que se atopan nestes animais e a súa contorna ambiental cos atopados nos tanques de leite desas granxas.











voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO