Actualidade
O CETAL participa no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica
venres, 23 de setembro de 2016

Ania Pino, Responsable da Unidade de Bioloxía Molecular do LSA-CETAL realizou un relatorio sobre “Inocuidade Alimentaria en Produción Primaria Agrícola. Necesidades e solucións analíticas”.

 
Os congresos da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) véñense organizando cada dous anos desde inicios dos 90, consolidando un espazo de encontro e diálogo entre todos os actores da cadea agroalimentaria ecolóxica (produtores, elaboradores, consumidores, comercializadores, etc.) e os investigadores, asesores, formadores, autoridades, certificadores. O obxectivo principal é compartir experiencias, avances e progresos técnico-científicos para liquidar os problemas produtivos dos operadores ecolóxicos, sen esquecer os aspectos ambientais, sociais e políticos do sector a nivel estatal. Este espazo ampliouse desde 2002 a todo o ámbito Iberoamericano.
 
Coincidindo co ano internacional das leguminosas, a SEAE elixiu Lugo como sede do congreso, capital agraria de Galicia, co propósito de resaltar o papel que xogan os legumes, tanto nos agrosistemas como na alimentación.
 
O CETAL participou neste congreso cunha intervención de Ania Pino, Responsable da Unidade de Bioloxía Molecular do LSA-CETAL. O seu relatorio fixo referencia aos conceptos xerais de seguridade e inocuidade alimentaria, así como cales son as necesidades actuais no sector agroalimentario para dar solución aos diferentes  problemas xurdidos nos últimos anos.
 
Neste sentido, Ania Pino explicou que existen diversos axentes que poden afectar á inocuidade alimentaria como, por exemplo, a presenza de contaminantes químicos, microbiolóxicos ou a non declaración na etiquetaxe de certos alimentos e a súa orixe. Por todo iso, os ensaios analíticos destinados a identificar estes axentes son fundamentais para poder cumprir coas expectativas establecidas pola FAO en materia de Seguridade e inocuidade Alimentaria.
 
Centrándose no ámbito microbiolóxico, a inocuidade alimentaria converteuse nos últimos anos nun reto para os países industrializados debido á irrupción dos patóxenos emerxentes transmitidos por alimentos. Por iso, a lexislación comunitaria debe adaptarse constantemente para incorporar novos métodos de identificación microbiana máis rápidos e eficaces sendo necesaria a utilización da tecnoloxía máis avanzada.
 
A garantía de inocuidade dos alimentos tamén inclúe que os seus compoñentes estean perfectamente identificados na etiquetaxe e monitorados desde a orixe ao seu punto de venda. A dificultade para controlar a composición e a orixe dos alimentos procesados pode facilitar a aparición de fraude, causando importantes prexuízos económicos ademais dun grave problema de saúde pública como é o caso da aparición de alerxias alimentarias a produtos non declarados. Por todo iso, existe un interese crecente entre os diversos sectores produtivos para a realización de estudos moleculares co fin de garantir a composición da etiquetaxe e a trazabilidade alimentaria.
 
Para finalizar, Ania Pino realizou unha presentación das instalacións e equipamentos do Laboratorio de Seguridade Alimentaria ofrecendo aos produtores ecolóxicos os servizos dispoñibles no CETAL para responder as necesidades do sector antes mencionadas.








voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO