Actualidade
Aprobada a fusión das Fundacións Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (CETAL) e Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CTLACTEO)
venres, 20 de setembro de 2013

Esta integración incrementa a capacidade do CETAL para servir de impulso ao sector agroalimentario e, en especial, ao sector lácteo.

O Consello de Ministros autorizou hoxe, a proposta do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, a fusión por absorción da fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CTLÁCTEO) por parte da fundación Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (CETAL).
 
Esta integración de dúas fundacións con actividades plenamente coincidentes no sector tecnolóxico, alimentario e agropecuario incrementa a capacidade do CETAL, entidade resultante, para servir  de impulso ao sector agroalimentario e, de maneira especial, ao sector lácteo.
 
Con este proceso obterase unha consecución máis eficiente dos seus fins fundacionais, de cara ao avance e deseño de futuros proxectos de desenvolvemento tecnolóxico do sector agroalimentario, impulsando a competitividade dos produtos agroalimentarios e a súa innovación.
 
Outro dos obxectivos logrados é o da xestión máis eficiente dos recursos públicos, xa que non se contemplan novas achegas por parte da Administración General del Estado nos próximos exercicios.
 
Ademais, e grazas á posta en marcha do Plan de Actuación da Fundación, vanse a obter ingresos adicionais non provenientes de fondos públicos, o que lle permitirá á mesma un maior grao de autofinanciación.
 
O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo ten na actualidade en marcha un ambicioso plan de actuación centrado en tres liñas prioritarias de traballo: sector lácteo, seguridade alimentaria e control da calidade do aceite de oliva, inaugurando este ano as súas novas instalacións en Lugo.
 
Con esta fusión, CETAL avanza no compromiso co sector lácteo, que se iniciou coa firma en xullo de 2012 dun convenio coa Organización Interprofesional Láctea, no que se comprometeu a que ámbalas institucións traballarán conxuntamente na potenciación do sector e na identificación e aplicación de solucións técnicas e tecnolóxicas para atender as súas necesidades máis urxentes.
 
Entre elas as relativas a aumento da competitividade, incremento do valor engadido dos produtos lácteos, estabilidade dos mercados e equilibrio da cadea de valor, recuperación de cotas de mercado para os produtos lácteos e valorización da imaxe do sector.


voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO