Actualidade
O CETAL organiza unha xornada sobre os requisitos da certificación veterinaria oficial para a exportación de produtos agroalimentarios.
venres, 23 de setembro de 2016

Diferentes empresas do sector agroalimentario, especialmente do sector lácteo, transmitiron ao CETAL o seu interese pola celebración desta xornada.
 
As exportacións de produtos agrarios de orixe animal deben axustarse aos requisitos sanitarios que esixen os países importadores. Corresponde á Administración Xeral do Estado garantir ante os terceiros países o cumprimento dos mesmos, mediante a expedición de certificados veterinarios de exportación.
 
Segundo o establecido polo Real Decreto 993/2014, do 28 de novembro, polo que se establece o procedemento e os requisitos da certificación veterinaria oficial para a exportación, desde o día 1 de marzo de 2016 esíxese a algúns establecementos produtores finais de produtos para consumo humano con destino á exportación a terceiros países, o establecemento dun sistema auditado de autocontrois específicos (SAE). En concreto, esta esixencia alcanza a aqueles establecementos que teñan intención de exportar, directamente ou a través doutros operadores comerciais, sempre que o país de destino esixa requisitos sanitarios adicionais aos da normativa da Unión Europea e/ou cando esixa a existencia dunha lista específica de establecementos exportadores autorizados para exportar ao devandito país.
 
A acreditación polos operadores do cumprimento dos requisitos de trazabilidade e de sanidade animal esixidos polo país importador e que non sexan equivalentes aos da normativa europea deberá realizarse mediante a presentación dun certificado emitido por un organismo independente de control (OIC) autorizado pola Dirección General de sanidad de la producción agraria (DGSPA), unha vez que haxa auditado o sistema de autocontrois (SAE) implantado polo establecemento e verificado que cumpre os requisitos esixidos no Real Decreto.
 
No curto período de aplicación desta normativa xurdiron dúbidas e inquietudes no sector agroalimentario, solicitándose a través do CETAL a celebración de xornadas informativas para atopar respostas. En particular, o sector lácteo transformador é un dos que máis se viron involucrados coas novas esixencias. E o sector produtor lácteo tampouco quedou á marxe pois os requisitos de sanidade animal que esixen algúns mercados exceden o esixido na UE e así llo demanda á súa vez a industria transformadora.
 
Desde o CETAL solicitamos ao MAGRAMA, a través da unidade responsable da inspección de sanidade animal en Lugo, a celebración dunha xornada sobre o asunto de referencia, xornada que se celebrará na sede do CETAL (c/ Montirón, nº 154) o próximo 28 de setembro ás 12:00 horas.
 
Nesta xornada intervirá D. Jorge Juste Ortega, Xefe de Área da Subdirección General de Acuerdos Sanitarios y Control en Frontera do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Asistirán tamén técnicos da unidade responsable da inspección de sanidade animal na Coruña e Lugo.
 
O programa da xornada pódese DESCARGAR AQUÍ .

Os interesados poden inscribirse na xornada enviando un mail a info@cetal.es indicando o seu nome, empresa e teléfono de contacto.







voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO