O APLTA e a empresa Sealed Air organizaron unha xornada técnica sobre filtración tanxencial e microparticulación, que tivo lugar nas instalacións do CETAL e do APLTA o 22 de xuño, e na que se explicaron as aplicacións na industria alimentaria e os requirimentos hixiénicos dos equipos utilizados.
Esta xornada encádrase como unha colaboración máis entre o CETAL e o APLTA dentro do convenio específico asinado a finais de 2015 entre o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela para ter un uso máis eficiente das instalacións.
Na xornada interviñeron como relatores técnicos do APLTA e de SEALED FOOD CARE, empresa co-organizadora das mesmas. Alfonso Pérez, Responsable de I+D+i do a APLTA, Pablo Rancaño, Subdirector do CETAL e José Luis Gómez LLopis, de Iberia Engineering Manage de SEALED FOOD CARE foron os encargados de abrir as xornadas.
Os 60 participantes, pertencentes a 20 empresas agroalimentarias de toda España, asistiron a unha formación teórica nas instalacións do CETAL seguida por unha xornada práctica na planta piloto de APLTA, durante a cal e de forma rotativa os grupos realizaron prácticas de microparticulación, filtración de soro e limpeza de equipos de filtración tanxencial.
As tecnoloxías de filtración tanxencial, totalmente implantadas na industria láctea, son a base para o desenvolvemento de novos produtos e tecnoloxías, como as destinadas á valorización de coprodutos. Neste ámbito, a tecnoloxía de microparticulación está a se situar como unha das máis interesantes.
Ademais, nos últimos anos, as técnicas de membrana están experimentado unha expansión cara a outras industrias do sector alimentario, pois se trata de aplicacións con importancia económica pola ganancia que xeran.
|