Actualidade
O CETAL consolidará as liñas de traballo iniciadas en 2015 e desenvolverá máis Investigación
luns, 20 de xuño de 2016

O padroado do CETAL celebrou esta tarde unha reunión ordinaria para aprobar as contas do exercicio anterior e o orzamento previsto para 2017, dun millón e medio de euros, aproximadamente.
 
Entre os obxectivos do Centro destacan a potenciación do Laboratorio de Seguridade Alimentaria e a posta en marcha de novos proxectos de I+D+i en colaboración con entidades públicas e privadas.
 
O director xeral da Industria Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Fernando Burgaz, presidiu hoxe o padroado da Fundación CETAL, no que participaron a alcaldesa Lara Méndez; o xefe territorial da Consellería do Medio Rural, José Ramón Losada Fernández, e representantes das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña.
 
Nesta reunión, de carácter ordinario, aprobáronse as contas do exercicio anterior e o orzamento para o ano 2017, de ao redor dun millón e medio de euros, similar ao de 2016, aínda que cunha redución do investimento, xa que o Centro atópase totalmente equipado.
 
O Laboratorio de Seguridade Alimentaria (LSA-CETAL) continuará sendo un dos eixos principais. Dotado con equipos tecnolóxicos de alta precisión e especificidade e persoal técnico especialista, e designado como un dos dous Laboratorios Nacionais de Referencia de España en todas as actuacións realizadas ao amparo do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola ?nomeamento que actualmente se atopa en fase de tramitación?, dedicarase a analizar mostras de calquera tipo de produto vexetal, chan ou auga, en relación con Salmonella spp., Listeria monocytogenes e E. coli verotoxigénica, e de brotes e sementes destinadas á produción de brotes.
 
A dotación do LSA-CETAL posibilitou, ademais, a apertura de novas liñas de traballo de I+D+i no ámbito agroalimentario, con entidades tanto públicas como privadas, cuxo desenvolvemento conforma o outro alicerce dos plans do Centro. Entre estes novos proxectos figuran a recuperación de variedades de mazá autóctona de Galicia e do norte de Portugal, a identificación molecular das especies de castaña e os seus híbridos para reforzar a súa calidade no mercado fronte á castaña asiática, a detección de bacterias produtoras dunha encima alterante do leite envasado a longo prazo, a identificación e cuantificación do leite de vaca, ovella e cabra en queixos de mestura para determinar se son correctas as proporcións indicadas nas etiquetaxes, o estudo da microbiota intestinal de vacún leiteiro en relación coa súa alimentación e a aparición de patóxenos emerxentes e o estudo molecular de patóxenos bacterianos asociados a explotacións de leite para establecer unha correlación entre os que se achan nos animais e o medio e os do tanque.
 
Outro dos puntos da orde do día do padroado foi a presentación da web do CETAL, cuxos contidos foron renovados, de modo que inclúe máis información sobre instalacións, tecnoloxía dispoñible, tipos de ensaios, lexislación en materia agroalimentaria ou formularios para consultas e solicitude de servizos.











voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO