Actualidade
O CETAL participa no Biospeed Dating 2016, que reúne a unha trintena de empresas biotecnolóxicas e agroalimentarias de Galicia
xoves, 26 de maio de 2016
 
Os encontros "one to one" entre centros tecnolóxicos, empresas biotech e agroalimentarias perseguen "atopar a súa media laranxa" 
 
 
O CETAL participou con outros trinta e dous axentes protagonistas dos sectores biotecnolóxico e agroalimentario no BioSpeed Dating 2016, o principal encontro de networking que este ano tivo como un dos seus obxectivos fundamentais o de conectar a dous sectores importantes da economía galega: biotecnoloxía e agroalimentación, posibilitando que os centros tecnolóxicos e as empresas biotech interactúen con empresas agroalimentarias que busquen aplicacións biotecnolóxicas para os seus procesos de produción ou investigacións en I+D+i.
  
 O IV BioSpeed Dating, celebrado na sede do CIMUS, en Santiago de Compostela, foi organizado por Bioga e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), coa colaboración do Clúster Agroalimentario Galego (Clusaga).
  
 Ao lado empresarial asistiron empresas como GalChimia, Galician Marine Aquaculture, Glecex, Qubiotech, Syspro, Bioestatech, AllGenetics, Biodiagsan, Queizúar, Bialactis, Feiraco, Codebio, Celtalga Extract, Ebiotec, Nanoimmunotech, Tastelab, Ingapan, Grupo Linamar, Nanogap ou AMSlab.
  
 Na parte de Centros Tecnolóxicos, ademais do CETAL, estiveron representados o GAIN, a USC, a Fundación Ramón Domínguez, Anfaco-Cecopesca, o Instituto de Produtos Lácteos de Asturias e o Centro Tecnolóxico da auga de Galicia (Cetaqua).
  
 A esencia do BioSpeed Dating 2016, iniciativa que cumpre o seu cuarto ano, plasmouse nas reunións "one to one". Os 32 axentes participantes, entre as 17.30 e as 19.30 horas celebraron encontros entre si limitados a dez minutos.
  
 Dúas técnicas do LSA-CETAL mantiveron reunións coas empresas Bialactis, Biostatech, Celtalga, Cetaqua, Ebiotec e Queizuar. As empresas contactadas mostraron interese, ben polos servizos que presta o CETAL desde o Laboratorio de Seguridade Alimentaria, ben por participar en proxectos comúns, abrindo en ambos os casos liñas de comunicación para futuras colaboracións.
  
 Bioga traballa agora na organización da sexta edición da "Lonxa de Investidores", que se celebrará por segundo ano consecutivo na sede do CETAL en Lugo o vindeiro xoves 16 de xuño.











voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO