Actualidade
Éxito de acollida da xornada formativa: Análise de viscosidade e textura en alimentos, celebrada no CETAL
xoves, 14 de abril de 2016
 
A xornada foi organizada pola aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) e as empresas Instrumentación Analítica S.A. e Drogallega, S.L.

 
No marco de colaboración do CETAL coa aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC, celebrouse nas instalacións do CETAL unha xornada formativa baixo o título "Análise de viscosidade e textura en alimentos".
 
A xornada contou con 65 participantes, de empresas lácteas e agroalimentarias de toda España, empresas de análises e centros tecnolóxicos. O aforamento esgotouse aos poucos días de iniciado o prazo de inscrición, o que demostra o gran interese que as técnicas de análises de propiedades físicas espertan no sector agroalimentario.
 
A presentación da xornada correu a cargo de D. Andrés Barreiro Lois, Vicerreitor de desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, D. Pablo Rancaño Otero, Subdirector do Cetal, D. Alfonso Pérez Quintáns, Responsable de Proxectos de I+D e Innovación da APLTA e D. Javier Porteiro López, Conselleiro da empresa Instrumentación Analítica S.A.
 
O desenvolvemento da xornada iniciouse co relatorio de D. Marcel Ripoll, de Instrumentación Analítica S.A., que realizou unha exposición teórica sobre as técnicas de medida de viscosidade e textura, acompañada coa demostración práctica da medida da viscosidade e de textura de diferentes produtos alimentarios.
 
A continuación levou a cabo unha visita guiada ás novas instalacións do APLTA, que conta coa planta piloto máis equipada de Europa, para volver despois á sala de conferencias do CETAL e finalizar co relatorio de Dª M.ª Paz Fernández-Abalat, Responsable da Área de Análise Sensorial no APLTA, e D. Juan Trillo Novo, responsable do laboratorio de Análise de Propiedades Físicas do APLTA, que centraron a súa exposición na aplicación práctica das técnicas de análises de propiedades físicas e de análise sensorial para o control de calidade e a vida útil dos produtos na Industria Alimentaria.











voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO