Actualidade
O padroado do CETAL expón os avances logrados este ano en seguridade alimentaria
mércores, 16 de decembro de 2015

A reunión celebrouse hoxe en Lugo baixo a presidencia do director xeral da Industria Alimentaria, Fernando Burgaz. O equipamento do Laboratorio de Seguridade Alimentaria, o seu proceso de certificación da calidade e os seus primeiros estudos centraron o balance ofrecido polo director do CETAL.
 
O director xeral da Industria Alimentaria, Fernando Burgaz, presidiu esta tarde o padroado da Fundación Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo, no que participaron a tenente de alcalde do Concello de Lugo, Ana Prieto; o xefe territorial da Consellería do Medio Rural, José Ramón Losada Fernández, e representantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
 
Durante a reunión, o director xeral do CETAL, Javier López Viana, informou das últimas actividades levadas a cabo no marco do plan de actuación de 2015, especialmente das relacionadas coa seguridade alimentaria. Respecto diso, no principio do ano a Fundación completou a dotación do equipamento previsto para o Laboratorio de Seguridade Alimentaria (LSA-CETAL), de modo que agora dispón de tecnoloxía de alta precisión e especificidade para a detección e caracterización dos diferentes patóxenos de transmisión alimentaria, traballos nos que emprega as técnicas analíticas máis novas: métodos de inmunoensaio, de espectrometría de masas ou caracterización molecular de cepas con metodoloxías vangardistas de análises do ADN (REP-PCR, RT-qPCR, secuenciación completa do xenoma bacteriano, etc.).
 
Para a consolidación definitiva do Laboratorio, en novembro iniciouse o proceso de implantación dun sistema de xestión da calidade baseado nos requisitos da norma UNE-NISO/IEC 17025 e nos esixidos pola Entidad Nacional de Acreditación (ENAC). Para a consecución desta certificación, o CETAL conta co asesoramento de Innovative Solutions in Chemistry S.L. (ISC-Science), empresa de base tecnolóxica dedicada ao desenvolvemento de novas aplicacións para a análise de compostos de interese nos laboratorios de ensaio químico nas áreas ambiental, agroalimentaria e clínica.
 
Ademais, López Viana indicou que este ano xa se obtiveron os resultados preliminares do programa de Monitoreo Microbiolóxico de Producións Hortícolas en España, executado polo CETAL e o Magrama para proporcionar información rigorosa sobre a presenza de patóxenos específicos en froitas e hortalizas frescas, e que nestes momentos está a elaborarse un informe definitivo, tras a finalización do estudo o mes pasado.
 
SECTOR OLEICO
Outro dos temas abordados foi o estudo e a caracterización da calidade do aceite de oliva no CETAL mediante a técnica de cromatografía de líquidos axustada a espectrometría de masas (LC-MS). Durante o 2015 analizáronse 439 mostras, proporcionadas principalmente polo Laboratorio Arbitral Agroalimentario do Magrama, e os resultados do estudo estatístico realizado para o establecemento dun modelo de predición puxeron de manifesto que este método analítico pode converterse en complementario ao método oficial baseado na caracterización sensorial mediante paneis de cata.
 
CONVENIOS COA USC
No Padroado tamén se presentaron os novos convenios de colaboración asinados coa Universidade de Santiago de Compostela o 9 de decembro, cuxo obxectivo é regular o uso de instalacións comúns e a repartición de subministracións entre o CETAL e a aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias dependente da USC.








voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO