Actualidade
O CETAL e a Aula de Productos Lácteos compartirán instalacións para mellorar o desenvolvemento da actividade investigadora.
mércores, 09 de decembro de 2015

O reitor da USC, Juan Viaño Rei, e o director do CETAL, Javier López Viana, asinaron dous novos convenios de colaboración entre ambas as institucións.
 
 
Os convenios asinados no día de hoxe teñen a súa orixe a finais de 2014 cando a Dirección do CETAL e o actual equipo reitoral da USC acordaron buscar vías de colaboración entre ambos os organismos. Entre elas incluíanse compartir instalacións (como a zona administrativa próxima ao edificio da USC ou a sala de catas do CETAL) e establecer colaboracións en proxectos de investigación conxuntos.
 
Estes dous convenios específicos enmárcanse nunha colaboración de maior envergadura sostida pola USC e o CETAL dentro dun Convenio Marco de Colaboración para o desenvolvemento conxunto da investigación e difusión do coñecemento tecnolóxico no campo da industria agroalimentaria.
 
Neste sentido, o 26 de novembro de 2014 o CETAL asinou un convenio de colaboración coa USC para a creación e posta en marcha dunha Unidade Mixta de Microbioloxía especializada en Escherichia coli asociada ao Laboratorio de Seguridade Alimentaria do Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo, coa colaboración do Grupo de Investigación Laboratorio de Referencia de E. coli (GILREC) do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC
 
 
En virtude dos dous novos acordos asinados no día de hoxe, cuxa vixencia (prorrogable) é de 5 anos, o CETAL e a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias establecen fórmulas de uso eficiente de certas infraestruturas compartidas.
 
Desta forma, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, dependente da USC, situada nun edificio contiguo ao CETAL na rúa Montirón, poderá ter acceso a despachos, salas de reunións, de formación e salas de catas do CETAL. Ambos os edificios xa están conectados internamente desde finais de 2014.
 
Dentro do convenio tamén se regula a instalación e acceso á rede de voz e datos propia da USC naqueles locais do CETAL susceptibles de uso por persoal da Universidade.
 
No segundo convenio asinado hoxe establécense os criterios de uso, mantemento e repartición de consumos de certas infraestruturas que son comúns a ambos os edificios (enerxía térmica: bombas de calor e pozos de xeotermia; enerxía eléctrica: transformadores de media tensión, equipos de control e protección; subministración de auga; protección contra incendios: alxibe e grupo de presión).
 
Unha comisión mixta encargarase de revisar o cumprimento dos devanditos convenios unha vez ao ano.











voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO