Actualidade
O CETAL colabora no I encontro Agrobiotech que reúne a 449 empresas e expertos internacionais
venres, 27 de novembro de 2015
 
Éxito de participación no encontro Agrobiotech Innovación, con 56 relatorios e 132 reunións comerciais..
 
O encontro Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, celebrouse o 26 e 27 de novembro no Parque Tecnolóxico de Ourense.
 
Na inauguración do encontro Agrobiotech Innovación o director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, resaltou o interese rexistrado neste evento e agradeceu o esforzo das entidades colaboradoras na súa organización, como os clústers galegos da biotecnoloxía, da madeira e da alimentación, a Asociación Española de Empresas Bio (Asebio), o Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo - CETAL e a Tecnópole.
 
Participación do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.
Durante a xornada do venres, o Subdirector General de Calidad Diferenciada y Agricultura Ecológica do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Rafael E. Bolivar Raya, participou no encontro dentro do relatorio “Experiencias en promoción da produción ecolóxica”. Pola súa banda, Montserrat Lombardó Grifol, Regulatory Manager de Unilever expuxo, dentro do mesmo relatorio, a experiencia privada: “Programa Agricultura Sustentable de Unilever”.
 
Rafael Bolivar introduciu o seu relatorio explicando as características da produción ecolóxica en España, destacando que é o primeiro país por superficie ecolóxica da Unión Europea e que o seu crecemento é constante. Posteriormente detallou  as actuacións do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente en promoción da agricultura ecolóxica así como a Política de Promoción da Unión Europea.
 
Ambos expertos destacaron a importancia crecente da agricultura ecolóxica, confirmada por diversos estudos que apuntan que, nun prazo de entre 10 e 15 anos, será a principal fonte de produtos agrícolas. Esta tendencia empézase a constatar, pois mentres que en España esta vertente supón actualmente o 2% do total, noutros países como en Austria alcanza xa o 15% da produción agrícola.
 
Clausura do encontro.
O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou o primeiro AgroBiotech Innovación, destacando que o encontro nace con vocación de continuidade.
 
O Conselleiro resaltou que os tres sectores de referencia do evento son prioridades de innovación para Galicia, segundo recóllese na RIS3, destacando o peso destes sectores no desenvolvemento “social, natural e cultural” de Galicia. Neste sentido sinalou que o agroalimentario representa o 7% do PIB, a industria forestal galega suma a metade do recurso dispoñible en España e a biotecnoloxía é un dos sectores con maior potencial en termos de creación de valor e competitividade.









voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO