Actualidade
O CETAL e a Facultade de Veterinaria de Lugo reciben un premio nun Congreso Internacional de Medicina
mércores, 08 de maio de 2013
 
A súa exposición do estudo "Empleo de algas marinas como suplemento mineral en vacuno de leche en ecológico" foi distinguida como a mellor comunicación oral. 

Os días 24, 25 e 26 de abril tivo lugar en Lleida o "XVIII Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina", un reputado foro científico que acolleu a presentación de máis de 60 estudos que están a levar a cabo investigadores de todo o mundo sobre saúde e vacún.
 
O Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (Cetal) participou neste evento xunto coa Facultade de Veterinaria de Lugo para explicar o desenvolvemento dun proxecto de investigación conxunto sobre os distintos aspectos da produción de gando vacún leiteiro en ecolóxico no norte de España, realizado en colaboración co "Centro de Investigaciones Agrarias de Mabegongo" (CIAM), o "Centro de Investigación y Formación Agraria de Cantabria" (CIFA), o Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e a Universidade Nacional de Rosario (Arxentina).
 
Unha das liñas do devandito proxecto exposta no Congreso Anembe, e merecedora do primeiro premio á comunicación oral, é a do "Empleo de algas marinas como suplemento mineral en vacuno de leche en ecológico", que correu a cargo de Francisco Rey Crespo, técnico veterinario do Cetal. Os resultados deste estudo demostran o potencial das algas mariñas da costa galega como fonte de minerais para o gando vacún leiteiro de produción ecolóxica, sobre todo o iodo, tan importante na función da glándula tiroides; ademais, este elemento se excreta no leite de forma proporcional ás concentracións plasmáticas dos animais e, por tanto, afecta os niveis da dieta. Para este traballo contaron tamén coa participación da granxa ecolóxica Casa Codesal e da conserveira Porto-Muíños.
 
A vicedecana de Prácticas Externas e Calidade da Facultade de Veterinaria de Lugo, Marta Miranda Castañón, foi a encargada de presentar no Congreso outra liña do mesmo proxecto, titulada "Niveles de elementos esenciales y tóxicos en leche ecológica y convencional en el norte de España".





voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO