Actualidade
Sete empresas biotech galegas presentan os seus proxectos no CETAL para captar financiamento de fondos de investimento
xoves, 22 de outubro de 2015

O Bio Investor Day é unha actividade do Programa AgroBiotech Innovación na que o CETAL colabora coa Axencia Galega de Innovación (Gain).

 
Sete empresas biotecnológicas de Galicia (Lentimed, Tastelab e MDUse!, as tres de Santiago de Compostela; Biofast e Nanoinmunutech, ambas as con sede en Vigo; Cifga, de Lugo, e Qubiotech, da Coruña) presentaron hoxe os seus proxectos de negocio a unha ducia de fondos de investimento e investidores institucionais no V Bio Investor Day, unha cita que incluíu a celebración nas instalacións do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo da V Lonxa de Investidores Bio, organizada pola Axencia Galega de Innovación, en colaboración co Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) e o CETAL.
 
As sete compañías e iniciativas empresariais biotech trataron de buscar financiamento para poñer en marcha ou impulsar os seus proxectos e chegar ao mercado ou avanzar nel. As cantidades que solicitaron van desde os 100.000 euros ata os tres millóns de euros. Como investidores acudiron os fondos galegos Unirisco/Uninvest, XES Galicia e Vigo Activo, e representación do CDTI e Enisa, do ámbito público. Por parte privada, o apoio financeiro concentrouse nos fondos Inveready, One to One, Cros Road Biotech Inverbío, Partimos, Suanfarma, Abanca e Caixa Capital Risc.
 
Na apertura desta xornada, a presidenta de Bioga, Carme Pampín, indicou que o 40% dos proxectos que participaron en anos anteriores na lonxa lograron financiamento directo, mentres que o 80% conseguiron algún outro tipo de financiamento monetario ou non monetaria en forma de colaboración ou cesión de infraestrutura. Ademais, un 20% dos proxectos presentados conseguen obter ingresos de explotación en menos dun ano despois de participar no Bio Investor Program. “A día de hoxe podemos recoñecer empresas participantes nas primeiras edicións que son firmas totalmente consolidadas cun modelo de negocio de éxito totalmente contrastado”, afirmou, poñendo como exemplo a AMSlab, GalChimia, NanoGap ou Ecocelta.
 
Carme Pampín tamén explicou que desde fai tres anos vai asociada á lonxa de investidores a Bio Investor Academy, que forma e tutoriza a empresas para a súa interacción cos investidores.
 
Tras a presentación dos proxectos e o desenvolvemento dunha mesa redonda tivo lugar unha comida networking e sucedéronse encontros bilaterais privados entre fondos, empresas e emprendedores.
 
A clausura do V Bio Investor Day correu a cargo de Manuel Varela, director de Gain.












voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO