Actualidade
O CETAL colabora co Programa Agrobiotech Innovación promovido pola Axencia Galega de Innovación (GAIN)
venres, 05 de xuño de 2015

O Programa selecciona a once empresas bio galegas para contribuír ao incremento da súa capacidade competitiva. Ofrecerá asesoramento individualizado a cada unha delas e terá as súas bases de operacións no CETAL e en Tecnópole (Ourense).
A través dun investimento de 700.000 euros, as pemes seleccionadas incrementarán nun 15 % a introdución de produtos innovadores no mercado e noutro 15 % as súas vendas no exterior.
 
As empresas participantes proceden das catro provincias galegas, tres son de Lugo, unha de Ourense, dúas de Pontevedra e cinco da Coruña e pertencen aos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, estratéxicos para o crecemento da economía galega.
 
O sector con maior representación é o da biotecnoloxía, composto polas empresas AMSlab, Nanogap, Galchimia, Cifga, Fica Bosques Naturales e Ecocelta Galicia. Do sector agroalimentario participarán tres empresas: CodeBio, Freshcut e Vitivinícola do Ribeiro; o sector da biomasa estará representado por Cerna e Betanzos HB.
 
O Programa Agrobiotech proporcionará unha folla de ruta á medida de cada peme en función das súas necesidades e axudaralles a desenvolvela baixo a tutorización dun cualificado equipo de expertos e mentores, que se desprazarán a cada empresa para traballar man a man cos seus responsables.
 
Este programa de aceleración da innovación completarase con accións de capacitación abertas a outras empresas destes sectores que terán lugar nas bases operativas de Agrobiotech: o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo - Cetal, e o Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole, en Ourense.
 
A PRIMEIRA XORNADA CELEBRARASE NO CETAL
Prevista para o 22 de outubro, trátase dunha lonxa de investidores organizada polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA) coa Axencia Galega de Innovación (GAIN). O seu obxectivo é promover o investimento produtivo na cadea de valor da biotecnoloxía a través da organización dun foro que permite encontros cara a cara, onde os emprendedores presentarán os seus plans ante un conxunto de investidores baixo o esquema networking, co fin de conectar proxectos biotecnolóxicos e innovadores e entidades representantes de produtos de financiamento de capital privado.








voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO