Actualidade
O CETAL recibe un informe moi favorable do Programa EQA para a análise laboratorial E. coli
mércores, 22 de xullo de 2015

Este informe intercomparativo, que avalía a calidade das análises levadas a cabo no CETAL, destaca ademais, a importancia de participar en estudos internacionais para mellorar a calidade e harmonización de técnicas analíticas.
 
A Unidade Mixta de Microbioloxía especializada en E. coli (UMMEC) do CETAL e a USC participou no Programa External Quality Assessment (EQA) para E. coli (VTEC), coordinado polo Statens Serum Institut de Copenhague.
 
Este programa inclúe tests intercomparativos de laboratorios destacados a nivel internacional. A finalidade é a mellora continua da calidade dos métodos analíticos, garantindo a fiabilidade e comparabilidade dos resultados. Ao mesmo tempo, realízase unha avaliación obxectiva e independente de cada laboratorio participante en relación á calidade dos seus sistemas analíticos e o seu potencial para levar a cabo análises rutineiras.
 
O presente estudo ten como obxecto a tipificación de cepas de E. coli produtoras de verotoxina (VTEC), que representan uns dos principais microorganismos causantes de enfermidades graves transmitidas por alimentos. A caracterización e identificación de cepas de E. coli é de gran importancia para determinar o seu carácter patóxeno e asegurar a calidade dos alimentos.
 
O CETAL analizou as cepas de E. coli, obxecto do estudo, mediante métodos fenotípicos, serotípicos e xenotípicos. Para iso puxéronse a punto os protocolos e procedementos para levar a cabo a análise mediante as técnicas requiridas como PFGE, PCR, etc.
 
Os resultados detallados facilitáronse ao Statens Serum Institut de Dinamarca, que levou a cabo os estudos intercomparativos e unha avaliación individual da calidade dos resultados. O informe destacou a importancia da participación do CETAL, xunto a laboratorios de alto prestixio en toda Europa, para mellorar e manter a equivalencia internacional da clasificación de cepas de E. coli (VTEC).












voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO