Actualidade
O CETAL acollerá, en colaboración coa Xunta de Galicia, un Centro de Excelencia para as Pemes innovadoras do sector agroalimentario
venres, 06 de marzo de 2015

Este programa, denominado Agrobiotech Innovación, nace para impulsar o crecemento sustentable e o I+D+i das Pemes dos sectores agroalimentario, biotecnológico e da biomasa.

A Xunta de Galicia aprobou o pasado 5 de marzo a creación de dúas novas aceleradoras para pemes innovadoras e empresas de base tecnolóxica en fase de consolidación. Unha delas instalarase na sede da Fundación CETAL, en Lugo, e a outra no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense).

Durante a presentación desta noticia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo fincapé na necesidade de seguir insistindo na innovación como fonte de creación de emprego e precisou que estas novas aceleradoras, denominadas AgroBiotech, buscarán favorecer o desenvolvemento de iniciativas vinculadas aos sectores agroalimentario, biotecnológico e da biomasa.

Coa creación deste servizo preténdese facilitar ás empresas a transferencia de coñecementos e o acceso á información, así como incrementar a súa capacidade de financiamento privado e público, non só galega e española senón tamén europea no marco do Horizonte 2020, que reserva máis de 80.000 millóns para innovación.
 
O  enfoque do programa é fundamentalmente práctico, posto que ten como obxectivo principal impulsar o despegamento das pemes participantes. Así, estará orientado a aumentar o seu potencial innovador, favorecer o desenvolvemento de novos produtos e servizos, establecer relacións con novos socios e facilitar a transferencia e o acceso de información entre empresas.
 
Cada peme recibirá un itinerario específico, elaborado por expertos, que incidirá nos aspectos vinculados á estratexia, a situación de mercado e o funcionamento organizativo, de modo que, tras o seu paso pola AgroBiotech, avancen no camiño da innovación, experimenten un crecemento significativo, posúan unha maior diversificación das súas vendas e incrementen a atracción de financiamento externo.
 
A apertura destas dúas AgroBiotech en Lugo e Ourense complementa ás dúas aceleradoras que xa existían en Galicia: ViaVigo, na cidade olívica, e Galicia Open Future, en Santiago de Compostela. 







voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO