Actualidade
O CETAL participa por primeira vez no test internacionais de intercomparación de análise de E.coli
venres, 20 de febreiro de 2015

Os test englóbanse nun estudo coordinado polo Statens Serum Institut de Copenhague (Dinamarca), no que toman parte os laboratorios de análises de E.coli máis prestixiosos de Europa.

A Unidade Mixta de Microbiología especializada en E.coli (UMMEC) do CETAL e a USC está a participar no "External Quality Assessment-Verotoxigenic Escherichia coli (EQA-VTEC)", un estudo intercolaborativo coordinado polo Statens Serum Institut (SSI) de Copenhague.
 
O SSI xa lle enviou as cepas ao CETAL, onde se realizarán análise fenotípicos e moleculares: técnicas de PCR, PFGE, etc.
 
Coa súa intervención nestes test internacionais, a UMMEC inicia a súa actividade nesta materia pondo a punto as súas técnicas e, ao mesmo tempo, referenciando os seus resultados xunto cos dos laboratorios europeos máis destacados.
 
Os Escherichia coli son uns dos principais microorganismos implicados en enfermidades transmitidas por alimentos, polo que é de gran importancia identificar e caracterizar perfectamente as súas cepas.
 
O Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) ten como misión mellorar a capacidade de diagnóstico, detección, identificación e caracterización de axentes infecciosos que poidan pór en perigo a saúde pública, polo que organiza a implementación de sistemas de Avaliación Externa da Calidade (EQA) nos laboratorios dos países da Unión Europea. As EQA son levadas a cabo a través dun ente externo -este ano o encargado é o Statens Serum Institut- e cos materiais que se fornecen especificamente para este propósito, co obxectivo de garantir a fiabilidade e a comparación dos resultados.
 
A UMMEC
A unidade encargada de realizar as análises de E.coli para estes test internacionais foi creada o 26 de novembro de 2014, tras a firma dun convenio entre a USC e o CETAL, coa finalidade de asistir tecnicamente ás empresas do sector agroalimentario no control microbiolóxico de produtos e, especialmente, en canto a Escherichia coli e seguridade alimentaria. Atópase integrada no Laboratorio de Seguridade Alimentaria do CETAL e na súa posta en funcionamento colabora o Grupo de Investigación Laboratorio de Referencia de E.coli do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, dirixido por Jorge Blanco Álvarez.







voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO