Actualidade
O CETAL acolleu unha xornada on-line de intercambio de experiencias entre o sector lácteo galego e produtores artesáns peruanos
mércores, 14 de xaneiro de 2015
1.ª Xornada On-line de Intercambio "Cusco-Galicia: Mecanismos de fortalecimiento exterior y difusión de productores lácteos peruanos" desenvolveuse paralelamente nas instalacións do CETAL e na Universidade San Ignacio de Loyola de Cusco (Perú).
 
A Fundación CETAL acolleu na súa sede a 1.ª Xornada On-line de Intercambio "Cusco-Galicia: Mecanismos de fortalecimiento exterior y difusión de productores lácteos peruanos", organizada pola Fundación Taller de Solidariedade e a Fundación Entreculturas, no marco dun proxecto de cooperación ao desenvolvemento financiado pola Xunta de Galicia, para darlles valor engadido aos produtos derivados lácteos e ofrecer unhas maiores oportunidades de comercialización e de ingresos a 24 familias campesiñas do sur de Perú.
 
A xornada contou coa participación de representantes da Fundación Taller de Solidariedade, do CETAL, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da organización peruana CCAIJO, así como de produtores locais de Galicia e de Perú.
 
Utilizando o TIC para salvar a distancia física, esta primeira edición permitiu achegar a técnicos e produtores de queixo de distinta procedencia e comparar modos de produción láctea e técnicas de venda e promoción.
 
A sesión comezou coa presentación do proxecto por parte da súa directora, a cooperante española Meritxell Oms, e de Rafael Veiga, de Taller de Solidariedade, e estruturouse en dous paneis de experiencias, un centrado na produción artesanal do queixo e o outro, na súa comercialización.
 
No primeiro panel participaron Juan Méndez Dónega, experto do sector lácteo da USC; Enrique Fernández, da quesería Marqués de Cernadas; Julio Huayta Mendoza, técnico de CCAIJO, e Josefina Huanca, produtora campesiña do municipio de Ocongate.
 
No segundo, interviñeron Mercedes Corral Álvarez, responsable da área Láctea do CETAL, que presentou o estudo realizado por esta entidade de "Caracterización das explotacións agrarias elaboradoras de Produtos Lácteos Tradicionais (PLT) situadas en zonas de montaña da provincia de Lugo"; e Tany Huancahuire, técnico de CCAIJO, que, xunto con Josefina Huanca, contou como venden os queixos de Ocongate e como os publicitan en feiras rexionais de alimentación co novo selo de calidade da Asociación de Produtores de Queixos que crearon.
 
Vídeo do proxecto: https://www.youtube.com/watch?v=0J_Z6nM-Phw
 







voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO