Actualidade
O CETAL acolleu un seminario sobre tecnoloxías de nova xeración en seguridade alimentaria
venres, 24 de outubro de 2014

O seminario foi organizado pola firma Applied Biosystems en colaboración coa Fundación CETAL, e estivo dirixido a profesionais do sector

A Fundación CETAL e Applied Biosystems, empresa líder mundial no sector da biotecnoloxía, levaron a cabo o seminario Tecnoloxías de Nova Xeración en Seguridade Alimentaria os días 23 e 24 de outubro na sede da Fundación, situada na rúa Montirón nº 154.
 
O obxectivo desta acción formativa foi abordar o impacto que están a exercer as novas tecnoloxías moleculares sobre a detección de patógenos na área da seguridade alimentaria. O importante avance que experimentou a bioloxía molecular nos últimos anos, coa aparición de secuenciadores Next Generation, a mellora dos sistemas de RT-qPCR e as novas técnicas de PCR dixital, resultou de gran utilidade na identificación e cuantificación de patógenos bacterianos e virales en alimentos.
 
A súa utilización non só permite unha detección máis fiable con respecto aos métodos convencionais, senón que tamén permite acelerar considerablemente a súa identificación no caso de que se produza un brote epidémico. Este tipo de tecnoloxía será de emprego rutineiro no Laboratorio de Seguridade Alimentaria recentemente creado no CETAL.

Así mesmo, tratáronse outros campos de interese da seguridade alimentaria, como a identificación de transxénicos e a tipificación de especies que poidan ser obxecto de fraude.
 
Os relatorios foron impartidas polos especialistas en biotecnoloxía de Applied Biosystems, Teresa Lain, João Caldeira, Gonçalo Carvalho e María Jesús García.
 
Entre os asistentes participaron técnicos das universidades galegas e de Aveiro, do CSIC, de ANFACO, de AMSLAb, do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, así como persoal técnico do CETAL













voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO