Actualidade
O CETAL recibe un premio no XII Congreso Español de Salud Ambiental
xoves, 04 de xullo de 2013
 
A comunicación oral distinguida aborda a presenza de arsénico en fungos comestibles existentes en Galicia, así como as súas repercusións alimentarias.

O Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (CETAL) e a área de Toxicoloxía da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (USC) recibiron o segundo premio á mellor comunicación oral de traballo de investigación no "XII Congreso Español de Salud" Ambiental, organizado pola "Sociedad Española de Sanidad Ambiental" e celebrado do 12 ao 14 de xuño en Granada.
 
A comunicación oral premiada competía con máis de 60 realizadas por grupos de investigación de toda España e de países latinoamericanos como México, Colombia, Arxentina e Brasil. Titulada “Presencia de arsénico en distintas matrices de hongos comestibles y sustratos de crecimiento en Galicia. Repercusiones alimentarias”, a súa presentación correu a cargo do coordinador do proxecto A.MI.GA (Aprovechamientos Micológicos en Galicia), Julián Alonso, pois trátase dun dos estudos levados a cabo por convenio no marco do devandito proxecto.
 
O proxecto A.MI.GA desenvolve diversas liñas de traballo no sector micolóxico, froito das cales se están obtendo múltiples resultados. Dentro do estudo sobre a presenza de máis de 30 micro e macroelementos en fungos de Galicia inclúense os resultados sobre o arsénico levados a este congreso. Valoráronse a súa presenza nas principais especies silvestres e cultivadas comestibles, en chans e compost, os factores que afectan á súa captación e as súas repercusións alimentarias. O obxectivo destas investigacións é transmitirlle ao consumidor a calidade da que goza o recurso micolóxico orixinario de Galicia.





voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO