Actualidade
Gran acollida da xornada sobre novas tecnoloxías en viticultura organizada polo CETAL
martes, 02 de xullo de 2019
 
  • O evento desenvolveuse na leira experimental que Bodegas Martín Códax, colaboradora do evento, posúe no municipio pontevedrés de Meis.
O CETAL, en colaboración coa entidade financeira ABANCA, continúa desenvolvendo o ciclo de Xornadas Agroalimentarias que iniciou o pasado mes de abril coa primeira delas, que virou ao redor das novas tecnoloxías en semente de millo forraxeiro.

A celebrada onte baixo o título Novas Tecnoloxías en Viticultura tivo lugar nas instalacións do viñedo experimental Pé Redondo que Bodegas Martín Códax posúe no concello de Meis (Pontevedra) e á mesma inscribíronse uns cen asistentes. O acto iniciouse coa presentación da Xornada, na que interviñeron Xoán Antonio Allegue, presidente das cooperativa Bodegas Martín Códax; Jesús  Combarro, director de ABANCA  Agro, e Javier Bo, director xeral do  CETAL.

O director técnico de Bodegas Martín Códax, Miguel Tubío, deu comezo á programación da xornada cunha conferencia centrada na obtención de información con drons e teledetección para a xestión do viñedo e a recolección. A experiencia de Martín Códax con estas novas tecnoloxías nos últimos anos utilizouse para falar das vantaxes que trasladan á posterior elaboración e comercialización dos viños. A xestión do vigor das plantacións mediante a información obtida permite adaptar os programas de rega e de fertilización para conseguir o obxectivo desexado. Ademais, actualmente están a investigar a utilización da información na xestión dos tratamentos fitosanitarios. Todo iso redundará nunha xestión máis sustentable do viñedo, aforrando custos de produción e cun menor impacto ambiental.

A continuación, o profesor da Universidade Politécnica de Valencia e director do seu Laboratorio de Robótica Agrícola, Francisco Rovira, presentou o último prototipo deseñado do robot desenvolto no marco do proxecto europeo VineScout, no que tamén participan a universidade da Rioxa, a adega portuguesa Symington, a empresa francesa Wall-Ye e a compañía británica Sundance Multiprocessor  Technology.

Trátase dun robot autónomo pensado para viticultura no que levan seis anos traballando. Vai dotado de GPS e outros sensores para obter mapas de alta resolución do cultivo, e permite coñecer como están a crecer as viñas, xa que mide a temperatura das follas e o vigor das plantas, detectando as zonas que están tensas e facilitando, deste xeito, a toma de decisións en canto a rega.

No desenvolvemento do robot está a priorizarse a súa facilidade e seguridade de manexo, así como que teña un custo final asumible para unha explotación vitícola. A información adquirida polo robot permite xestionar a produción, co fin de producir o tipo de viño que posúa un maior valor de mercado, o cal permite conseguir un maior beneficio económico da uva producida.

Tras esta parte teórica realizáronse as demostracións de campo, nas que se puideron observar os procedementos para a obtención de información con drons e co robot VineScout. Estas novas tecnoloxías permiten conseguir información precisa de parámetros do cultivo que serven para mellorar a toma de decisións tanto para a produción da uva como para a elaboración e posterior comercialización dos viños.








voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO