Actualidade
O CETAL organiza unha xornada sobre novas tecnoloxías en viticultura
martes, 25 de xuño de 2019
  • A xornada realizarase o próximo 1 de xullo na leira experimental das adegas Martín Códax en Meis (Pontevedra).
 
O  CETAL, en colaboración coa entidade financeira ABANCA, continúa coa realización do ciclo de Xornadas Agroalimentarias que se puxo en marcha o pasado mes de abril coa xornada sobre Novas Tecnoloxías en Semente de Millo Forraxeiro.
 
A segunda destas xornadas, titulada Novas Tecnoloxías en Viticultura, terá lugar o próximo 1 de xullo nas instalacións do viñedo experimental “ Pé Redondo” que a adega Martín Códax posúe no concello de Meis (Pontevedra).
 
Para a organización da demostración en campo, o  CETAL conta coa colaboración de ABANCA e as adegas Martín Códax.
 
A xornada dará comezo ás 11:30 da mañá coa conferencia do director técnico das adegas Martín Códax, Miguel Tubío. A obtención de información con drons e  teledetección para a xestión do viñedo e a recolección será a primeira das temáticas innovadoras que se abordarán na xornada. A experiencia de Martín Códax con estas novas tecnoloxías nos últimos anos utilizarase para falar das vantaxes que trasladan á posterior elaboración e comercialización dos viños.
 
A continuación, o profesor da Universidade Politécnica de Valencia e director do seu Laboratorio de Robótica Agrícola Francisco Rovira, presentará o último prototipo do robot desenvolto co proxecto  VineScout.  No proxecto europeo  VineScout, participan tamén a universidade da Rioxa, a adega portuguesa  Symington, a empresa francesa Wall-Ye e a compañía británica Sundance  Multiprocessor Technology. Levan traballando seis anos nun robot autónomo pensado para viticultura do que presentarán o seu último prototipo deseñado. O robot vai dotado de  GPS para obter mapas de alta resolución do cultivo, permite coñecer como están a crecer as viñas, mide a temperatura das follas e o vigor das plantas detectando as zonas que están tensas, facilitando así a toma de decisións en canto a rega.
 
Tras as dúas conferencias realizaranse demostracións de campo da obtención de información con drons e co robot VineScout. Estas novas tecnoloxías permiten obter información precisa de parámetros do cultivo que serven para mellorar a toma de decisións tanto para a produción da uva como para a elaboración e posterior comercialización dos viños.
 
A asistencia á xornada é gratuíta, pero, dado que o aforo é limitado, require inscrición previa enviando un correo electrónico a: jornadas@cetal.es No correo indicarase o nome completo e a entidade/organización/empresa á que pertence. Desde o  CETAL confirmarase a realización da inscrición por correo electrónico. A inscrición estará aberta ata o día 28 de xuño ás 14:00 horas.
 
Na seguinte ligazón pódese descargar o Programa da xornada








voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO