Actualidade
O CETAL divulga nunha xornada a optimización de métodos de análises e custos no control microbiolóxico dos produtos alimenticios
xoves, 21 de marzo de 2019
  • A xornada, en colaboración coa empresa  Bioser S.A. desenvolveuse esta mañá nas instalacións de  CETAL en Lugo.
  • Trinta asistentes de empresas, da universidade e administracións públicas interesáronse por esta temática.
O  CETAL e a empresa  Bioser S.A. celebraron unha xornada técnica baixo o título: “Mellorando a xestión de riscos: Optimización de métodos de análises e custos” co obxectivo de dar a coñecer técnicas novas, que se aplican como métodos alternativos aos clásicos e que permiten unha automatización e optimización do control rutineiro en relación a tempo e custo, cumprindo ao mesmo tempo coas normas internacionais establecidas.
 
A presentación da xornada correu a cargo do Director Xeral do  CETAL, Javier Bo Lema e  Juliana Roca, Directora de Márketing de  Bioser e  Núria Fuster, Directora Comercial de  Bioser.
 
Na primeira parte da xornada,  Karola  Böhme, técnico de  microbioloxía do  CETAL, presentou as técnicas alternativas e novas dispoñibles no Laboratorio de Seguridade Alimentaria do  CETAL para o control  microbiolóxico oficial. Especial enfoque deuse ás técnicas  qPCR e  espectrometría de masas  MALDI- TOF e as súas vantaxes fronte a métodos oficiais de  microbioloxía clásica. Entre os beneficios da implementación de métodos alternativos validados dentro do alcance da acreditación, destaca a redución do tempo de análise, unha maior sensibilidade e especificidade, e un menor risco de introdución de erros debido á redución de pasos no manexo das mostras.
 
Posteriormente Cristina  Muchart, técnico especialista de produto de  Bioser,  presentou metodoloxías para a determinación de  Vibrio  spp., un risco  microbiológico emerxente que se relaciona co cambio climático. O kit comercial presentado baséase na tecnoloxía de  qPCR e é capaz de detectar as tres especies máis críticas de  Vibrio  spp. en produtos mariños en menos de 12 horas.
 
Nunha segunda presentación, Cristina  Muchart falou das tendencias e vantaxes da automatización das análises  microbiolóxicos en laboratorios de control alimentario rutineiro. Unha automatización, ademais de reducir custos en relación a material e persoal, ten a vantaxe de estandarizar todo o proceso e así reducir a introdución de erros nos procesos analíticos.      
 
Para terminar, María Dores  Sualdea, Consultora de calidade do Gabinete de Servizos para a Calidade, falou sobre a adaptación á nova  ISO 17025 e as principais diferenzas. Destacou os cambios importantes e deu consellos que resultaron ser de gran interese para os participantes da xornada que teñen implementado un sistema de calidade baixo os criterios de acreditación.











voltar
 
 
CETAL · Centro Tecnológico Agroalimentario · Calle Montirón nº 154 · C.P 27002 · LUGO